Friday 10 de May de 2024

Ardemil celebrará a súa VIII Xuntanza Cabalar esta próxima fin de semana


Haberá rutas, carreiras e probas de andadura e trote, concurso de barrís, touro mecánico, xantar popular, procesión, actividades infantís, música, moita festa e diversión

O vindeiro sábado, 2 de xuño, Ardemil acollerá a súa VIII Xuntanza Cabalar. Como de costume a noite anterior terá lugar unha gran festa con música en vivo na que se repartirá de balde touciño entrefebrado a partir das 20 horas.

Xa de cara ao sábado o programa iniciarase ás 10 horas con saídas en ruta ao longo dun percorrido que alcanza os 18 quilómetros, para dar comezo a partir das 11 horas aos concursos morfolóxicos de pura raza galega. Ás 11.30 horas terá lugar a proba de andadura chapeada libre. Ás 13 horas dará comezo unha misa con procesión na honra a Santo Antonio e coa bendición dos animais. A continuación un grupo de gaiteiros animará o momento, para a partir das 14 horas dar paso ao gran xantar popular no que haberá lacón asado con patacas estufadas, bebidas, café e vasos de chopo.

O programa de tarde arrancará ás 16 horas co concurso de barrís con 100 € en premios. Ás 16.30 e 17.30 horas respectivamente disputaranse as probas de andadura serrada libre e de trotadores. As inscricións nas distintas probas cabalares deberán formalizarse antes das 11 horas do mesmo día da súa celebración. A totalidade dos premios superará os 400 € en metálico, ademais da entrega das copas Joaquín González Troncoso, Ferralla Lois, Restaurante Avelino, e a de Excavacións e Obras Marcos.

Exhibición de doma
Ademais de todo isto tamén está prevista unha pequena exhibición de doma a cargo de Nayla Ferreiro, touro mecánico, paseos a cabalo gratis para a rapazada máis nova e unha degustación de grellada con música en vivo para concluír a festa.

A Asociación Cultural Cabaleiros de Ardemil, organizadora da xuntanza, conta novamente coa colaboración do Concello de Ordes para a súa posta en marcha. Tamén participan: restaurante Avelino, servizos veterinarios e equinos Serveteq, Guardicionería Hermanos Gómez e a Federación Hípica Galega.